Os peregrinos da ruta do Padre Sarmiento poderán facer noite en Sanxenxo por 15 euros

SALNÉS> Os peregrinos que fagan a ruta do Padre Sarmiento poderán facer noite en Sanxenxo.  A Mancomunidade do Salnés e a Residencia Relixiosa das Calasancias asinaron hoxe un convenio para que as instalacións sexan empregadas como hospedaxe dos camiñantes.

A ruta do Padre Sarmiento, variante do camiño de Santiago, ofrecerá dende agora un novo punto de descanso para os peregrinos. A Mancomunidade do Salnés chegou a un acordo coa Residencia Relixiosa das Calasancias, en Sanxenxo, para que os camiñantes poidan emprega-las instalacións.

Segundo indican dende a Mancomunidade, este alto no camiño ten unha localización inmellorable, a uns 20 quilómetros  do inicio da ruta, ou o que é o mesmo, unha etapa do percorrido. O convenio asinouse por un ano, prorrogable. No acordo contémplase que o prezo por persoa e noite é de 15 euros, unha cantidade que se mantén estable ó longo de todo o ano.

As responsables do centro, pola súa banda, apuntan que esta colaboración pode resultar positiva para toda a contorna.

A Mancomunidade traballa agora para chegar a un acordo semellante con outro albergue situado tamén en Sanxenxo.