Cambados impulsa a compostaxe formando á veciñanza

CAMBADOS> Cambados avanza na súa aposta pola compostaxe. O concello comezou un ciclo de charlas para ensinar e animar á cidadanía a optar por este sistema de xestión dos residuos orgánicos. A primeira celebrouse no centro de compostaxe comunitaria de San Roque-Os Olmos. Dende o goberno local destacan que o ano pasado este sistema permitiu xestionar case 70 toneladas de lixo orgánico. Dato que queren seguir aumentando.

Durante o 2022, Cambados xestionou case 70 toneladas de residuos orgánicos a través do seu sistema de compostaxe comunitaria. Esta cifra ten en conta o lixo que se depositou nos sete composteiros comunitarios que se reparten por todo o concello.

Precisamente, para concienciar dos beneficios da compostaxe e para animar a máis veciños a sumarse a ela o concello iniciou un ciclo de charlas formativas. A primeira impartiuse no centro de compostaxe comunitario de San Roque-Os Olmos, un dos máis antigos do municipio.

Ademais desta rede de centros de compostaxe comunitaria, en Cambados hai outras dúas posibilidades para optar por este sistema de xestión dos residuos orgánicos. Dunha banda, a través dos composteiros individuais que se reparten de xeito gratuíto. Da outra, grazas a o sistema de recollida porta a porta para os grandes produtores.

Os sete centros distribuidos por Cambados teñen capacidade para xestionar 192 toneladas de materia orgánica. De conseguir que funcionen ao 80%, o aforro na factura do servizo de lixo podería acadar os 18.000 euros, segundo a Mancomunidade do Salnés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí