Conflito de marcos en Cambados: un veciño córtalle o camiño a 40 terreos

CAMBADOS> Máis de 40 propietarios de parcelas no monte da Modia de Cambados quédanse sen acceso aos seus terreos. Segundo explican, un veciño pechou o camiño asegurando que o paso é da súa propiedade. Os afectados presentaron varios documentos no concello para reclamar que a titularidade pública do traxecto.

Un dos conflitos máis tradicionais entres os veciños galegos ten que ver cos lindes dos terreos. Un novo caso deste enfrontamento ten lugar en Cambados. Segundo explican os veciños afectados, un propietario pechou o camiño de acceso aos seus terreos asegurando que é propietario de dito carreiro.

Os 40 propietarios afectados teñen que percorrer agora un camiño de 7 quilómetros para poder acceder aos seus terreos.

Para poder acceder aos seus terreos, os afectados teñen que atravesar agora as parcelas doutros propietarios, o que dificulta ou imposibilita o seu acceso con tractores ou animais.

Os propietarios afectados dispoñen de mapas e documentos antigos que certifican que o camiño era público ata hai poucos anos. Toda a información foi presentada no concello para que o goberno certifique o carácter público do carreiro.

A esta petición súmase Cambados Pode, que levará unha moción a pleno para que o goberno certifique que o carreiro é público.

Dende o goberno local criticaron a José Ramón Abal pola súa xestión na titularidade do camiño cando era concelleiro no 2017. Dende o bipartito tamén indicaron que comezaron os traballos para verificar se o carreiro é ou non público.

Os propietarios agardan que a súa documentación sexa suficiente para que o concello certifique que o camiño é publico. De non ser así, advirten que acudirán aos tribunais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí