Poio terá un goberno progresista cun tripartito entre o BNG, o PSOE e Avante Poio

POIO> O Concello de Poio contará cun tripartito durante os vindeiros 4 anos. Finalmente, tras varias negociacións, o BNG, o PSOE e Avante Poio chegaron a un acordo. Un pacto de goberno baseado na transparencia, na rexeneración e na participación veciñal.

A balanza no Concello de Poio finalmente decántase do lado da esquerda. O BNG, o PSOE e Avante Poio asinaron esta mañá o acordo de gobernabilidade para os vindeiros 4 anos. Un tripartito que deixa fora ao PP de Ángel Moldes, ao sumar 9 concelleiros, fronte aos 8 dos populares. As tres forzas aseguraron que as similitudes entre os seus programas electorais foi a clave para poder conformar un goberno progresista.

O tripartito estará baseado na transparencia e na rexeneración. As iniciativas máis destacas deste novo acordo de goberno son: a humanización de núcleos tradicionais, a urbanización de a Barca, a mellora da PO-308 e do vial do Vao, o impulso polo PXOM ou a creación dun novo pavillón de deportes. Unhas medidas pensadas no futuro dos veciños de Poio.

Silvia Díaz explicou esta mañá que Avante Poio decidiu finalmente dar o seu apoio ao BNG de Luciano Sobral pola necesidade de mellorar e avanzar no municipio.

No reparto de áreas hai dous grandes novidades. A creación da competencia de Participación veciñal e de Transparencia e Espazos cidadáns. Dúas novas áreas que serán xestionadas por Avante Poio.

O BNG manterá áreas clave como Facenda, Sanidade, Educación, Cultura ou Deportes. O PSOE continuará xestionando as competencias de Obras e Servizos, Pesca e Marisqueo, Urbanismo e Promoción Económica e Benestar Social e Xuventude. Avante Poio, ademais das dúas áreas de nova creación, traballará tamén en Turismo e Igualdade. Este novo reparto no Concello está pensado para traballar polo que lles une, que é Poio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí