PONTEVEDRA> O Local de Música presentou esta mañá unha nova quenda de actividade na que se pretende dar un novo enfoque cunha visión profesionalizadora. Con este cambio de rumbo búscase aproveitar a potencialidade do centro e adaptalo ós novos usuarios, nados xa no século XXI.
O Local de Ensaio seguirá apostando pola escena musical local, pero enfocando agora a música tamén coma unha oportunidade laboral.
Unha das razóns para este cambio de rumbo é a necesidade de adaptarse ós novos usuarios, que traen novas propostas e formas de facer.
Como primeiras accións desta nova etapa, anunciáronse unha nova web, máis redes para facer do local un espazo de referencia, e un MusicLAb.
O novo enfoque segue a liña do concello en canto ás actividades culturais, que quere fuxir dos grandes eventos de masas e aposta por políticas de proximidade que favorezan a integración.
O Local de ensaio leva funcionando unha década, na que se programaron máis de 300 actuacións. Polo centro teñen pasado xa máis de 500 proxectos musicais.
A nova liña desenvolverá unhas 150 actividades nos próximos anos, que incluirán actuacións, coma as do Serán de Tralla ou Son da Serea; formación e monitorización de proxectos; e integración en rede con outros programas municipais, coma Noites Abertas, Ponteverán ou Xeración Sónica. Tamén se potenciarán as iniciativas lideradas por mulleres co fin de abrirlles camiño nunha industria moi masculinizada.
O novo Local de Ensaio pretende ser un espazo de referencia entre os novos músicos, servir de nexo de unión entre os diferentes axentes musicais do Concello e a contorna e ser un modelo de xestión e organización.