VILAGARCÍA> Esquerda Unida e Somos Maioría non apoiarán os orzamentos de Vilagarcía para este 2018. Nunha comparecencia conxunta, os voceiros de ambas formacións anunciaron o seu posicionamento, rexeitando as contas pero, sobre todo, o xeito de actuar do goberno local. Acúsanos de non ter en conta as súas achegas e de falta de transparencia.
Os orzamentos de Vilagarcía para o 2018 sairán adiante sen o apoio de Esquerda Unida e Somos Maioría. Os voceiros das dúas formacións compareceron esta tarde de xeito conxunto para anunciar o seu rexeitamento ás contas presentadas polo goberno. Acusan ao executivo de falta de transparencia e de negociar unicamente con BNG e o edil non adscrito Miguel Alves.
Para López, a actitude do goberno foi diferente á que quixeron defender en público. Asegura que o executivo non quixo ter en conta as súas propostas, e que nin sequera concretou partidas para acordos aprobados en pleno.
A decisión do goberno de solicitar unha nova liña de crédito de máis dun millón de euros tampouco gustou aos voceiros. Máis aínda cando, segundo sinalan, existen máis de 4 millóns de euros sen executar da partida dedicada aos investimentos dos orzamentos do 2017.
A falta de comunicación e transparencia por parte do executivo, e a cerrazón a abordar cuestións como a rebaixa das achegas aos partidos ou a remunicipalización dos servizos, son algúns dos motivos que fan que Esquerda Unida e Somos non apoien nin se absteñan na votación do pleno previsto para o venres.