VILAGARCÍA> A hostalería é sen dúbida un dos sectores máis golpeados pola crise derivada do coronavirus. Moitos establecementos levan máis de 45 días pechados, e agora se preparan para encarar a desescalada. En principio, as terrazas poderán abrir a partires do 11 de maio e o interior dos locais a finais de mes. Iso si, con importantes restricións de aforo que sementan dúbidas sobre a súa viabilidade.
O plan anunciado polo Goberno Central bota algo de luz sobre o futuro da hostalería. O executivo marca a semana do 11 de maio para a apertura das terrazas e final de mes para que poida volver a actividade ao interior dos locais.
Xa a partires da semana que vén os locais poderán preparar comida para levar. Unha medida que os hostaleiros teñen que valorar, e que dependerá en gran medida das regras dos ERTES que tiveron que aplicar nos seus negocios.
Aínda non se coñecen os detalles das medidas que terán que instaurar para poder abrir. A implantación de quendas ou a necesidade de reserva son algunhas que Ahituvi estudará cos seus asociados para compaxinar a seguridade da clientela coa rendibilidade do negocio.
Tamén extremarán as normas de limpeza que xa aplicaban os establecementos, e algúns estudarán medidas máis aló da distancia de seguridade, como a instalación de mamparas.
Ricardo Santamaría si apela a un cambio na mentalidade empresarial, apostando por construír unha identidade social que axude a que ninguén quede atrás nos momentos de crise. A pesares da situación, el ve o futuro con optimismo.
Ampliar as terrazas
Unha das peticións da asociación de hostaleiros xa foi recollida polo concello de Vilagarcía. Ravella traballa na flexibilización da ordenanza de terrazas para permitir ampliar o espazo que ocupan. Deste xeito, o goberno local quere facilitar e axilizar a recuperación do sector.
O departamento de urbanismo está a analizar a concreción dos criterios que permitirán ampliar a superficie total de vía pública que se poderá ocupar coas terrazas para garantir as normas de aforo e separación que estableza o Estado. Iso si, o executivo matiza que sempre quedará garantida a accesibilidade dos peóns, e que se trata dunha medida excepcional ligada á recuperación económica trala crise do COVID-19.
Deste xeito, búscase que os hostaleiros poidan contar co maior número de mesas posible para que o sector poida acoller un volume de clientela que faga rendible volver a actividade; tamén para axilizar a súa recuperación.