Ravella fará análises nos colexios para previr situacións como a de Carril

VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía realizará análises preventivas da auga dos centros educativos do municipio. Farao tras coñecer os resultados das probas do colexio de Carril, que indican que a auga non é apta para o consumo pola súa elevada concentración de ferro. Agora, a ANPA pide que se extremen as precaucións para evitar que os nenos consuman auga das billas, á espera de que se realicen as obras no colexio.

Os resultados das análises practicadas por Sanidade viñeron confirmar onte os temores das nais e pais do colexio de Carril: a auga que sae polas billas do centro non é apta polo consumo. Segundo as probas, localizáronse valores de ferro que superan o dobre do máximo permitido.

Estes resultados apoian as denuncias que fixeran xa hai semanas, e que nun primeiro momento non contaron co respaldo das autoridades educativas. Por iso, reclaman agora unha desculpa pública.

Aínda que non recibiron ningunha chamada da Xunta, hoxe mantiveron encontros no concello nos que lles transmitiron o compromiso do departamento autonómico de cambiar as tubaxes de xeito urxente. Pero mentres as obras non se producen, piden medidas que garantan que os nenos non consuman esa auga; medidas que dende o concello non ven viables.

O que si farán dende o concello é comezar unha rolda de análises preventivas no resto de colexios de primaria do municipio.

Recordemos que tras coñecer os resultados das análises tanto o delegado da Xunta en Pontevedra como o Conselleiro de Educación trasladaron ao alcalde vilagarcián a sía intención de que as obras de arranxo do colexio de Carril teñan carácter prioritario e urxente.