Os mozos que plantaron as sequoias do Bosque de Colón volven a Poio

POIO> Hai agora 25 anos nacía o Bosque de Colón, un pintoresco espazo natural que logrou unir Poio cos Estados Unidos. O proxecto naceu na mente dun home, John Harson McElroy, que por un azar do destino veu traballar a España. O ano 1992 estaba a piques de rematar. El pretendía conmemora-lo 500 anos do descubrimento de América e en canto coñeceu Galicia tivo a idea.

Durante 3 anos John traballou intensamente para facer realidade o seu soño: erguer en Galicia un bosque tipicamente californiano. Comezou a recadar fondos, reuniu un grupo de mozos voluntarios e, ademais, contou coa colaboración dos veciños de Poio: os comuneiros da parroquia de San Xoán cedéronlle dúas hectáreas.  O seu ambicioso proxecto foi debatido no Congreso e no Senado dos Estados Unidos: o impulso final que o Bosque de Colón precisaba.

O mesmísimo presidente Bush asinou unha resolución coa que, por fin, se materializaba o soño de John. Hoxe, el foi recibido no Parlamento de Galicia. En Poio, mentres, déronse cita algúns daqueles 25 mozos chegados dos Estados Unidos que participaron na plantación das 550 secuoias vermellas californianas . Unha delas era Dana Leopold.

“Foi incrible. Eu pensaba que ía ser unha competición e pensaba “como vou gañar esta viaxe?”. Decidiron que viñésemos rapaces de vilas que levasen o nome de Colón e eu vivo nun condado que se chama Colombers, entón tiven moita menos competencia e acabei gañando a viaxe”, comentaba Dana esta mañá en Poio. Ela chegou participou na plantación con 15 anos. “Facía frío e chovía”, lembra entre gargalladas Dana. “Tíñamos medo de caer para abaixo, porque o terreo tiña moito desnivel. Daquela era difícil de imaxinar que as sequoias ían medrar tanto, porque eran moi pequenas. Plantámolas canda outros mozos españois. Facía moito frío e chovía, pero podíamos ve-lo mar dende alá arriba, non como agora que as árbores son enormes”.

Hoxe, 25 anos despois, Dana recoñece que unha parte dela sempre estará en Poio. Un sentimento que, de seguro, se estende a tódolos mozos que colaboraron na plantación. As raíces das sequoias atoparon en Poio e nos seus corazóns un lugar no que sempre ficar.