Detida en Sitges a narcoavogada cambadesa Tania Varela

CAMBADOS> A Audiencia Nacional pide o ingreso en prisión da narcoavogada cambadesa Tania Varela. A muller pasou a disposición xudicial esta mañá ante o xulgado de Vilanova i la Geltrú, que foi instado polo tribunal nacional para decretar o ingreso inmediato no cárcere de Varela. Onte era detida en Sitges tras cinco anos en paradoiro descoñecido. Tamén era a única muller que figuraba na listaxe nos setenta fuxitivos máis buscados elaborada por Europol.

Tras cinco ano fuxindo da xustiza e en paradoiro descoñecido, a cambadesa Tania Varela foi detida onte polos Mossos d’Esquadra en Sitges. Sobre a narcoavogada pesaban tres ordes de detención por feitos relacionados co tráfico de drogas e branqueo de capitais, e a Audiencia Nacional xa instou ao xulgado de Vilanova i la Geltrú onde pasou a disposición esta mañá a decretar o seu ingreso inmediato en prisión.

Tania Varela desapareceu no 2013 cando tiña que ingresar en prisión para cumprir unha condena de sete anos de cadea pola súa implicación nun alixo de 1,7 toneladas de cocaína. Nesta mesma operación tamén caera David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña e co que a avogada cambadesa mantivo unha relación.

Ata a súa detención, Varela, que fora a primeira directora do Centro de Información á Muller de Cambados entre o 2001 e o 2004, era a única muller que figuraba entre os setenta fuxitivos máis buscados pola Europol.