O Capítulo Serenísimo fará ‘Albariñenses de Honra’ a corpos de seguridade e sanitarios que traballaron contra a covid

CAMBADOS> O domingo, coincidindo co último día da Festa do Albariño de Cambados, o patio de armas do pazo de Fefiñáns acollerá outra cita clásica desta celebración: o acto do Capítulo Serenísimo. A confraría volverá recoñecer a persoas do sector vitícola e alleas polo labor que fan para promocionar o viño albariño. Ademais, entregará un premio honorífico a todos os corpos, entidades e profesionais que traballaron arreo para mitigar os efectos da pandemia.

O Capítulo Serenísimo volve dando grazas. Este domingo celebra o seu tradicional acto no patio de armas do Pazo de Fefiñáns entregando máis recoñecementos ca nunca. E é que este ano queren recoñecer a todos os corpos, entidades e profesionais que se enfrontaron á covid, como a Brilat, as Policías Nacional, Autonómica e Local e o persoal sanitario.

Este ano volverán tamén os nomeamentos dos novos Damas e Cabaleiros do Albariño. Serán a adegueira María Sineiro, a astrofísica Begoña Vilacostas, o sumiller José Luis Aragunde, o director do xornal El Mundo Joaquín Manso e Samuel Lago, alcalde de Cambados.

Co gallo do Ano Xacobeo, a confraría celebrará mañá unha visita a Santiago de Compostela. Farao acompaña das demais confrarías gastronómicas de España e Portugal que participarán no acto do domingo.

Ana Bandeira, da subzona do Condado, Caroliña Rouco, do Rosal e Eric García, do Salnés, recollerán o seu recoñecemento como Xóvenes Albariñenses. A Asociación Galega de Enólogos e o concello de Oviedo serán distinguidos como Albariñenses de Honra, mentres que Merchi Álvarez, presidenta de GaliciAme, o adegueiro José Alonso, o alcalde de Crecente, Julio César García, o vicepresidente de Fecoga, Carlos Martínez e o vicepresidente do Consello Regulador da DO Rías Baixas Julio Reboredo serán recoñecidos coa Folla de Prata.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí