Pontevedra> Viaxes peninsulares, as Illas Canarias e algún destino de Europa como Londres ou Paris, esas son as preferencias dos pontevedreses para esta Semana Santa. Dende as axencias de viaxes sinalan que de todos modos esta Semana Santa, ao caer tan cedo, é máis tranquila do habitual. Algo que se debe a que os petos aínda non se recuperaron do Nadal e o Entroido.
A Semana Santa para os pontevedreses preséntase tranquila. Segundo unha axencia de viaxes que visitamos nesta xornada, os destinos preferidos para pasar estes días son Portugal, lugares peninsulares ou as Illas Canarias.
O feito de que este ano a Semana Santa cadre tan cedo, na última semana de marzo, fai que os petos da cidadanía aínda non estean recuperados tralo Nadal e o Entroido, co cal son menos os que se animan a viaxar, porque a crise, pese a que se diga o contrario, aínda late no ambiente.
A Semana Santa non é unha época de grandes descontos, pese a isto, Portugal si que conta con ofertas atractivas para estes días.
Os días fortes da Semana Santa están por chegar, prevese que o tempo non acompañe moito a partir do xoves, pero pese a isto dende a axencia de viaxes saben que aínda lles quedará traballo nos vindeiros días, porque en Pontevedra, ao igual que no resto de España, somos de deixar todo para última hora.