O Circo de Pinocho, o primeiro da historia en galego, visitará Vilagarcía en abril

VILAGARCÍA> Pinocho visita Vilagarcía. O boneco de madeira máis famoso do mundo achegarse á cidade co seu circo. Trátase do primeiro circo galego íntegramente na nosa língua. O espectáculo instalarase no peirao do Ramal do 4 ao 13 de abril, con varias funcións ao día e prezos de 10 a 20 euros. Esta mañá Pinocho e Pepiño Grilo xa estiveron por Vilagarcía. Prométennos moita diversión para todos os públicos, cunha boa dose das tradicionais acrobacias do circo de toda a vida.

Xa o están escoitando, semella que a Pinocho gústalle Vilagarcía. El e todo o seu equipo van achegarse á cidade co seu circo. Un completo espectáculo que nas dúas primeiras fins de semana de abril ofrecerá varias funcións ao día. Esta mañá Pinocho e Pepiño Grilo foron recibidos en Ravella. Dende a compañía prometen unha mestura de dramaturxia cunha ampla escolma das máis tradicionais acrobacias circenses.

Pero, explican dende a compañía, indo un chisco máis alá. Porque despois de converterse en humano o gran soño de Pinocho seica era ter un circo.

A maiores, o Circo de Pinocho aposta polo galego. Trátase do primeiro circo galego íntegramente na nosa língua.

Este é o cuarto espectáculo de Educateatro Producións. Unha compañía que xa se achegou a Vilagarcía noutras ocasións, con distintas obras infantís no auditorio. Desta volta veñen cunha carpa propia de máis de 100 metros cadrados que se vai instalar no Ramal.

As entradas xa están dispoñibles, pero o prezo variará segundo o día da función entre os 10 e os 20 euros. Pódense mercar en circodepinocho.gal ou en Ataquilla.