Mar intensificará os controis contra o furtivismo na Semana Santa

RIBEIRA> Así o anunciou esta mañá a titular deste departamento, Rosa Quintana, durante unha visita á unidade operativa do Servizo de Gardacostas en Ribeira. O incremento dos controis e os labores de vixilancia durante a Semana Santa centraranse especialmente no eido da comercialización e da restauración, naquelas zonas, como é o caso da de Arousa, nas que hai unha maior incidencia da lacra do furtivismo. Segundo Rosa Quintana realizaranse inspeccións en puntos de venda e en establecementos de hostalería, onde se revisará que a mercadoría que ofrecen conta coa documentación legal pertinente. Durante a visita á unidade operativa do Servizo de Gardacostas en Ribeira, a titular de Mar destacou tamén a implicación do Servizo na loita contra o furtivismo e agradeceu ó seu persoal o importante labor que realiza para atallar esta problemática. A propia Rosa Quintana informou de que o Servizo de Gardacostas realizou nos dous primeiros meses deste ano case 1.700 inspeccións que resultaron co comiso de máis de cinco mil quilos de distintas especies de peixe e marisco e coa incautación de mil útiles de pesca.