Recollen máis de 2.500 sinaturas para denunciar a falla de persoal no centro de saúde

RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza denuncia a situación que se vive no centro de saúde da localidade debido á falla de persoal, tanto médicos coma enfermeiros.

Dende o colectivo reclámanlle á Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza que dote ó centro de saúde de Ribeira de máis profesionais para poder atender axeitadamente á veciñanza, e aliviar o sobreesforzo que ten que asumir o persoal debido ás baixas e vacacións dos seus compañeiros.

Para denunciar esta situación levaron a cabo unha campaña de recollida de sinaturas. En once días lograron recoller máis de 2.400 firmas. Algo segundo eles sorprendente, que evidencia o malestar que existe.

Dende a Plataforma sinalan que o problema de falla de persoal no dispensario non é algo puntual, senón que se dá dende hai tempo, con baixas sen cubrir dende hai máis dun ano, e que se agrava agora na tempada estival. Din que seguirán mobilizándose con novas campañas para chamar a atención e que así a Xerencia atenda as súas solicitudes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí