O concello da Pobra convoca o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

POBRA> Con este certame, co que colaboran a asociación Barbantia e a editorial Galaxia, pretenden homenaxear a figura do escritor, falecido hai menos dun ano. A piques de cumprirse o seu primeiro cabodano, falecía o 3 de xullo de 2017, o concello da Pobra, xunto coa asociación Barbantia e a editorial Galaxia, promove a primeira edición do Premio de Lietratura Infantil Carlos Mosteiro, dirixida a nenos de tres a doce anos. O premio está dotado con 1.500 euros e o prazo de recepción das obras a concurso, que deberán estar escritas en galego, rematará o vindeiro 2 de maio. Na presentación do premio literario tomaron parte tamén representantes da  asociación Barbantia e a editorial Galaxia que colaboran coa proposta. Tamén asistiu á presentación a viúva do escritor que agradeceu o xesto, como a mellor fórmula para manter viva a figura de Carlos. Non será a única homenaxe que o Concello lle tributará ó autor de títulos como Cando Miguel Indurain pasou por Gonderande ou Manual de instruccións para querer a Irene. Prepárase tamén para xullo unha serie de actos nos que se incluirá, poñerlle o seu nome a unha rúa de recente creación, a carón do seu domicilio familiar na rúa Fernández Varela, ou unhas xornadas literarias.