Os alumnos da Basque Culinary Center mergúllanse en Rías Baixas

RIBADUMIA> Un ano máis, e xa van sete, os alumnos da prestixiosa Basque Culinary Center visitaron Rías Baixas. Máis de cen estudantes e seis profesores pasaron catro días percorrendo a Denominación de Orixe, para coñecer de primeira man a súa oferta.

A viaxe comezou con percorridos por distintas adegas das subzonas do Condado do Tea e O Rosal. Os alumnos tamén visitaron unha batea, e achegáronse ata adegas do Val do Salnés. Unha experiencia que lles permite coñecer de primeira man o proceso de elaboraicón dos viños de Rías Baixas.

Eles aprenden a pé de campo e a Denominación de Orixe Rías Baixas promociona a súa oferta. De feito, a visita da Basque Culinary Center é un escaparate moito máis amplo do que podería parecer inicialmente. Entre os 100 alumnos visitantes, había 20 naiconalidades diferentes.

A colaboración entre a Basque e a Denominación de Orixe esténdese ademais ao longo do ano. De Galicia, dende a escola de hostalería destacan a naturalidade da súa gastronomía e a altísima calidade dos seus produtos.

Dende o centro recoñecen o importante avance que se deu na cociña nos últimos anos e, co paso do tempo, a gastronomía española conseguiu formar o seu propio camiño.

 

Nesta aposta, a Basque Culinary Center coincide co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Tamén coa Federación Comarcal de Empresarios de Arousa e a Deputación de Pontevedra, cuxas políticas entroncan con estas prácticas, apostando pola gastronomía de calidade como un dos maiores atractivos turísticos das Rías Baixas.

 

A expedición culinaria rematou co xa tradicional showcooking de produtos galegos con distintivo de calidade, harmonizados cun total de 36 marcas de viño da DO Rías Baixas. A sesión celebrouse na adega Lagar de Pintos, e estivo dirixida polo cociñeiro do Grupo Nove, Pepe Solla.