Unha placa na Calzada recorda que a Festa do Albariño é de Interese Turístico Internacional

CAMBADOS> Dende hoxe, unha placa no Paseo da Calzada de Cambados conmemora o nomeamento da Festa do Albariño como Festa de Intererese Turístico Internacional. Representantes do Consello Regulador, do concello e do sector participaron no acto de descuberta da placa conmemorativa. Un recoñecemento, aseguraron os asistentes, ao traballo de todo un pobo.

Unha placa na entrada do Paseo da Calzada recordará a todos que a Festa do Albariño é de Interese Turístico Internacional. O nomeamento conseguiuse o pasado mes de setembro, e supón a culminación dun traballo de todo un pobo.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas fixo un percorrido pola historia da festa. Dende o seu nacemento en 1953, a cita non parou de medrar ata acadar a súa relevancia actual. Nomes como Bernardino Quintanilla, Ángel Botana, Álvaro Cunqueiro ou Manuel Fraga estiveron moi ligados a esta evolución.

Isto sobre o pasado e o presente da festa, pero Juan Gil lanzou tamén unha advertencia de cara o futuro, para preservar a continuidade da Festa do Albariño de Cambados.