Alfonso Villares pon ó Museo do Mar de Noia como exemplo de recuperación da cultura marítima

NOIA> Ademais das axudas ó sector produtivo, dende a Consellería do Mar seguen a apostar pola posta en valor da cultura marítima de Galicia. Alfonso Villares visitaba esta mañá o Museo do Mar de Noia que puxo como exemplo do labor dos GALP na recuperación do patrimonio pesqueiro e industrial da vila.

O Museo do Mar de Noia recolle a historia do pasado marítimo da vila nun inmoble recentemente rehabilitado, grazas ás liñas de axuda da Consellería do Mar a través dos GALP. Ademais de albergar os vestixios de parte da muralla medieval, ofrece ós visitantes unha experiencia inmersiva con contidos audiovisuais que repasan a ampla tradición desta vila estreitamente vinculada ó mar.

No seu percorrido polo espazo museístico, Alfonso Villares púxoo como exemplo dos obxectivos que persegue o Plan de Cultura Marítima de Galicia, aprobado o ano pasado para dotar dun marco común ás infraestruturas patrimoniais de Galicia ligadas ó mar.