As mostras de pesar pola traxedia do Villa de Pitanxo sucédense dende todos os ámbitos

RÍAS BAIXAS> As mostras de pesar por esta nova traxedia no mar sucédense dende tódolos ámbitos. Concellos, alcaldes e alcaldesas ou colectivos de todo tipo envían hoxe mensaxes de apoio ás familias das vítimas mortais. Na Deputación de Pontevedra, as bandeiras hondean dende esta mañá a media hasta.

O loito pola traxedia traspasa hoxe tódalas fronteiras, con mostras de dor por toda España. No Congreso dos Deputados, por exemplo, gardábase tamén esta mañá un minuto de silencio.

Aquí, na nosa contorna, a Deputación de Pontevedra sumouse esta mañá ao loito polos falecidos e desaparecidos no Atlántico Norte. As bandeiras do pazo provincial ondean dende hoxe a media hasta, xunto coas insignias do edificio administrativo provincial, tamén en Pontevedra, e a sede de Vigo.

Ademais, son moitas as persoas anónimas que apoian nestes momentos ás familias, con mostras como esta que gravamos esta mañá en Marín. Tamén os concellos e alcaldes e alcaldeses que queren amosa-la súa solidariedade cos mariñeiros do Villa de Pitanxo. As redes sociais inúndanse hoxe de palabras de lembranza para as vítimas.

O concello de Poio, ademais de sumarse ao minuto de silencio convocado pola Federación Galega de Municipios e provincias, transmitía o seu pesar polo naufraxio a través deste post nos seus perfís oficiais.

Sanxenxo tamén se uniu a ese minuto de silencio, no que participaron membros da corporación e traballadores municipais, co alcalde á cabeza.

E mesmo acto tamén en Ribadumia, que publicaba esta imaxe nas súas redes sociais, acompañada dun crespón negro.

Palabras tamén de apoio dende o Concello de Vilanova, que tamén participou esta mañá no minuto de silencio, e que enviaba folgos a través da internet ás familias e amigos dos afectados.

Tamén mostras de apoio dende os Concellos do interior. A presidenta da Mancomunidade do Salnés e tamén alcaldesa de Meis publicaba a primeira hora desta mañá unha mensaxe na que, dende a súa localidade, enviaban afecto, cariño e forza ás familias dos mariñeiros.

E en Cuntis e Moraña, por exemplo, publicaban senllos crespóns negros en solidariedade coas familias.