Cambados buscará consenso co Consello Regulador sobre o horario de peche

CAMBADOS> O concello de Cambados fai un chamamento á calma. O goberno local saíu ao paso da polémica levantada despois de que o pleno do Consello Regulador da DO Rías Baixas aprobara que o peche das casetas da Festa do Albariño sexa ás 12 e media da noite. Segundo o executivo cambadés, aínda non existe unha proposta oficial, e agardan chegar a acordos na reunión que teñen fixada para o vindeiro 30 de maio.

O concello de Cambados sae ao paso da última polémica ao redor da Festa do Albariño. Tras coñecer que o pleno do Consello Regulador da DO Rías Baixas aprobara o peche das casetas do Paseo da Calzada ás 12 e media da noite, o executivo asegura que aínda non existe unha proposta formal.

Si que dende o concello adiantan que non estarían dacordo con que as casetas pecharan pasada a media noite, pero a súa intención é escoitar o que teñan que decir dende o Consello Regulador.

Para o executivo, o Consello Regulador é un aliado na organización desta festa, unha das máis importantes da comarca do Salnés e que este ano busca conseguir a consideración de Interese Turístico Internacional.

Tamén destacan os importantes cambios e melloras que se produciron na festa nos últimos anos. A aposta por mellorar a seguridade e a limpeza son algunhas das determinacións que levou adiante este goberno, e que buscan poñer en valor a multitudinaria cita.

O cuarto socio do goberno cambadés xa se pronunciara sobre a postura do Consello Regulador hai uns días. Somos Cambados asegurara que unha redución tan drástica de horarios pode resultar contraproducente, e pediu cautela á hora de facer cambios que poidan prexudicar a festa.