RIBADUMIA> Éxito de celebración da 50 edición das festas do viño tinto de Barrantes. Miles de persoas se achegaron durante esta fin de semana á vila para gozar do viño e das actuacións musicais. Os mellores caldos desta edición foron para Marina Porto en tinto e para a Bodega A Capitanía en autóctonos.
O concello de Ribadumia e a comisión de festas organizaron esta pasada fin de semana a 50 edición da festa do viño tinto de barrantes e variedades autóctonas. Un festexo que non deixa de crecer cada ano e polo que miles de persoas se achegaron a gozar de música, viño e gastronomía a Ribadumia.
O eixo principal desta festa é poñer en valor o viño tinto de Barrantes e as variedades autóctonas. A cata concurso premia aos mellores elaborados de cada ano e nesta edición os premios foron para Marina Porto en viño tinto e para a Bodega A Capitanía en variedades autóctonas.
Para poñer en valor o viño, a festa tivo carácter reivindicativo, buscando que as administracións regularicen a comercialización deste viño.
Ademais da música, a festa tamén contou con moito humor, con Pepo Suevos como presentador e Luís Zahera como pregoeiro.
A parte musical correu a cargo das orquestras Combo dominicano, La fórmula, Tango, Gran Parada, América e pechou o domingo con Panorama.