A Feira Cabalar de San Marcos incluirá este ano a Ruta Ecuestre ‘Portus Apostoli’

NOIA> A dúas semanas vista da celebración do San Marcos, esta mañá presentábase na casa consistorial o programa de actividades a desenvolver na feira cabalar, un dos pincipais atractivos destes festexos. O concelleiro de Cultura, José Pérez, destacou a importancia desta feira que nos últimos anos, da man da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, entidade que se encarga da súa organización, está a adquirir un maior protagonismo. O presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez foi o encargado de debullar o programa da feira, con tódalas actividades previstas para ese día, destacando os concursos morfolóxicos de cabalos de pura raza galega puntuables para a Copa Galicia, así como tamén de cabalos e eguas cruzados,  e de poldros e cabalos e eguas de pura raza árabe nos que se repartirán uns tres mil euros en premios. Tamén se recuperan as exhibicións de andadura galega. Como novidade este ano organizarase tamén a I Ruta Ecuestre San Marcos Noia Portus Apostoli prevista para a mañá do domingo 22 de abril, para rescatar os itinerarios a cabalo que se realizaban antigamene con mercadorías dende a vila ata Compostela.