Máis de cento cincuenta pilotos compiten esta fin de semana no Rali de Noia

NOIA> Este venres arranca a trixésimo cuarta edición do Rali de Noia. Na proba, a segunda das citas valedeiras para o Campionato Galego da especialidade de asfalto, hai inscritos un total de 156 pilotos, sumando tódalas categorías en competición. Dos pilotos inscritos, varios son os favoritos para levarse a vitoria final. Un deles é Víctor Senra, que tomará a saída co seu Ford Fiesta R5. O outro, Alberto Meira que participará co seu habitual Mitsubishi Lancer Evo X. Como vén sendo costume nos últimos anos, as condicións metereolóxicas existentes marcarán en moito a carreira. A proba presentará nesta edición importantes novidades. Unha delas será a disputa dun tramo urbano cronometrado que se desenvolverá xa mañá venres na zona de Labarta, a carón do parque pechado, e que comprenderá zonas tamén de Barro e do paseo marítimo. Xa na xornada do sábado a proba iniciarase as sete da mañá coa disputa das especiais de Neumáticos Tino, na zona do Tambre, de dez quilómetros e medio de percorrido, e Senra Sport, en Mazaricos con algo máis de dezaseis quilómetros de lonxitude. As dúas faranse a dobre pasada. Pola tarde serán os tramos de Stark, a disputar na zona de Roo, de doce quilómetros, e Pavimentos Noia, en Montemuiño, de dezasete quilómetros, e que se realizarán tamén a dobre pasada, con parque de asistencia entre ambas. Como é habitual a entrega de trofeos terá lugar posteriormente, ó redor das doce e media da noite no Teatro Coliseo Noela.