CAMBADOS> O Salnés presenta fronte común para reclamar o traslado da sé do Consello Regulador da DO Rías Baixas a Cambados. O pleno da Mancomunidade apoiou onte de xeito unánime unha moción presentada polo concello para facer unha petición oficial. Inician así un camiño para reparar o que cualifican como “inxustiza histórica”.
O Salnés en bloque reclama para Cambados a sé do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. O pleno da Mancomunidade respaldou onte por unanimidade esta petición do concello cambadés.
A moción foi presentada e defendida por Somos Cambados. O seu voceiro, Tino Cordal, celebrou o apoio da Mancomunidade e insistiu en que, trasladar a sé do Consello Regulador ata o municipio cambadés serviría para reparar unha inxustiza histórica.
Así as cousas, son conscientes de que o cambio non será inmediato, e que se trata dunha reclamación que aínda ten que facer un longo percorrido. De feito, o convenio co concello de Pontevedra aínda ten unha década de vixencia. O primeiro que farán aserá comunicar o acordo plenario á Xunta e ao Consello Regulador, e trasladala ao Parlamento.
Respecto as posibles ubicacións, o concello está disposto a buscar o espazo axeitado para o Consello Regulador. Aínda que o Pazo de Torrado é a primeira opción, o goberno local está aberto a procurar outros edificios para acoller á Denominación de Orixe.