Caldas acusa á Xunta de non mover ficha para resolver a crise do encoro do Umia

CALDAS DE REIS> Segue a polémica pola situación da cianobacteria no encoro do Umia. Dende o Concello de Caldas lamentan que dende a Xunta non tomasen aínda cartas no asunto. Aseguran que o goberno galego comprometeuse a celebrar unha xuntanza con Augas de Galicia, pero que, polo de agora, nin tan sequera se pechou unha data para o encontro.

Pasou outro verán e a solución para o problema da cianobacteria no encoro do Umia segue ser resolverse. O goberno local de Caldas asegura que a Xunta non moveu ningunha ficha e que todo segue igual.

O gabinete de crise constituído en Caldas, do que forman parte tódolos partidos da corporación, mantivo unha xuntanza na Subdelegación da Xunta en Pontevedra hai xa case dúas semanas. Naquel encontro participou Sanidade, pero non Augas de Galicia, tal e como se agardaba. Ante a súa ausencia, o goberno galego comprometeuse a organizar outro encontro con Augas de Galicia, aínda que, polo de agora, nin tan sequera se pechou unha data para o encontro.

Así que mentres dende a Xunta non movan ficha, o executivo local di seguir levando a cabo os pasos que ten que tomar para tentar atalla-la situación. Un deses movementos foi recorrer á Valedora do Pobo, requiríndolle amparo ante o estado do encoro.

De momento,  o gabinete de crise permanece á espera de recibi-la resposta da Valedora do Pobo.