CAMBADOS> En Cambados, os nenos de 4 centros educativos aprenden a reutilizar prendas de roupa que xa non empregan. O obradoiro busca concienciar ós rapaces da importancia da reciclaxe téxtil. Nós estivemos hoxe no cole de San Tomé, onde aprendemos a facer monicreques con roupa vella.
Se teñen roupa vella na casa e non saben que facer con ela, saiban que os nenos de Cambados teñen un plan: reutilizala. Os rapaces de catro colexios da localidade aprenden entre hoxe e mañá como darlle unha segunda oportunidade a aquelas prendas de roupa que xa non se poñen. Unha das opcións que aprenderon hoxe foi crear monicreques cos que despois xogar. Tomen boa nota porque o proceso é ben sinxelo.
Detrás desta divertida iniciativa hai unha razón de peso: concienciar ós nenos, xa dende pequenos, da importancia da reciclaxe téxtil. A idea é buscarlle novos usos a aquelas prendas que xa non nos animamos a vestir.
Hoxe os nenos deste Colexio de San Tomé tamén aprenderon a coida-la súa roupa para que, en canto medren, poida ser aproveitada por outro neno. Tamén descubriron os colectores de reciclaxe de roupa: a forma máis solidaria de darlle unha segunda vida ás prendas de vestir.
Hoxe a actividade fixo parada en dous colexios de Cambados. Mañá, a caravana da reciclaxe de roupa continuará a súa ruta, con parada noutros dous centros da vila.