VILANOVA> O día 1 de maio na parroquia vilanovesa de András será sinónimo de festa. Celebrarase unha nova edición da súa Festa da Muller Labrega, unha multitudinaria cita que terá como epicentro o campo da festa. Haberá misa, xantar de confraternidade, música e sorteos. Tamén se entregará un agasallo á veciña de máis idade da parroquia.
Recoñecer o traballo da muller labrega será motivo de festa en András o vindeiro 1 de maio. A parroquia vilanovesa celebra esta cita cunha programación na que non faltará detalle.
A comida celebrarase nunha carpa que se instalará no campo da festa de András. Está pensada para todos os públicos, con menú infantil e para os adultos. Tamén haberá monitoras para atender a cativada con diferentes xogos.
Outro dos momentos máis agardados da xornada é a quenda de sorteos. Durante a comida, venderanse rifas para participar neles. Este ano hai máis de 120 agasallos doados por empresas da zona.
Pero o centro da programación é a homenaxe e a entrega dun agasallo á veciña de máis idade da parroquia. Dende a organización animan ás familias a participar.
No marco das propostas para esta Festa da Muller Labrega o concello organiza unha andaina. Sairá ás 9 da mañá dende Vilanova para rematar no campo da festa de András.










