Os rapaces do colexio de Ribadumia conciéncianse dos riscos do alcol

RIBADUMIA> Os alumnos do colexio Julia Becerra Malvar, en Ribadumia, aprenderon hoxe os riscos do alcol. A través dun obradoiro, os nenos e nenas do centro coñeceron as consecuencias para a saúde que pode supoñer un consumo abusivo. Toda a súa aprendizaxe quedará plasmada agora nun cómic colectivo.

Teñen entre 10 e 11 anos pero é, precisamente, a estas idades onde a prevención é fundamental.  De media, os menores contactan co alcol por primeira vez na súa vida ós 13 ou 14 anos. Segundo datos recentes, máis de 68% dos menores de entre 14 e 18 anos recoñece ter consumido algunha bebida alcólica no último mes.

Hoxe, en Ribadumia, aprenderon que o alcol non é nin unha ferramenta útil para facer novas amizades  e que tampouco serve para ser máis gracioso.

Ademais, a través deste obradoiro, os alumnos coñeceron de primeira man as consecuencias que a bebida pode traer para a súa saúde

 

Tódolos coñecementos adquiridos hoxe van ser plasmados nun traballo colectivo: un cómic no que os nenos e nenas teñen que representar varias escenas que sirvan para concienciar dende ben cedo que co alcol non se xoga.