O SALNÉS> A Deputación de Pontevedra vai aportar 200.000 euros á creación da Vía Verde do Salnés, unha senda que vai discorrer polas antigas vías do tren entre Caldas, Portas e Vilagarcía. A do Salnés será a primeira Vía Verde que se cree en Galicia, algo que para a presidenta do ente provincial suporá un novo elemento de atracción de visitantes á zona.
Caldas, Portas e Vilagarcía tiveron a idea e, agora, a Deputación súmase ó proxecto. A Vía Verde do Salnés recibirá do organismo provincial unha achega de 200.000 euros. De xeito inminente, os tres municipios mailo goberno provincial van asinar un convenio para que eses recursos se destinen ó impulso desta senda. A presidenta da Deputación achegouse hoxe ata a zona de Rubiáns, para coñece-los plans dos alcaldes. Para Carmela Silva, este proxecto -froito do traballo conxunto- é un exemplo a seguir.
A Salnés será a primeira Vía Verde que se cree en Galicia. Vai discorrer polas antigas vías do tren entre Caldas, Portas e Vilagarcía. O trazado desta ruta permitirá, ademais, poñer en valor moitos atractivos da zona.
Os rexedores implicados agradeceron o interese da Deputación á hora de colaborar no desenvolvemento do proxecto. Os tres concellos contan con que os traballos para converte-lo antigo trazado ferroviario nunha senda arranquen xa este mesmo ano.
O proxecto xa está redactado. Nel tamén está previsto que participe a Xunta, coa rehabilitación da antiga ponte de ferro de Caldas, a través de fondos europeos. A futura Vía Verde do Salnés percorrerá unha distancia de algo máis de 10 quilómetros.