Seis confrarías da ría de Arousa únense para desbloquear a xestión das zonas de libre marisqueo

A ILLA> A unión fai a forza. Iso pensan seis confrarías da ría de Arousa que se acaban de unir para desbloquea-la xestión das zonas de libre marisqueo.  Os pósitos crearon unha asociación conxunta coa que pretenden xestionar dun xeito máis eficiente os recursos dos bancos dos Lombos, Bohído e Cabío.

As confrarías da Illa, Cambados, Vilanova, Rianxo, Cabo de Cruz e A Pobra únense para mellora-la xestión do libre marisqueo nos bancos dos Lombos, Bohído e Cabío. Os seis pósitos veñen de constituí-la asociación Rañeir@s da Ría de Arousa.

Hai uns meses, a Consellería do Mar instou ós mariscadores a facerse cargo destes espazos coa intención, din dende o goberno galego, de levar a cabo unha produción sostible e equitativa dos recursos. Ante este novo contexto, os mariscadores decidiron tomar posicións e asumi-lo mando.

As confrarías de Vilaxoán, Carril, Aguiño, Palmeira e Ribeira desbotan, polo momento, formar parte desta asociación. Entenden que a xestión do libre marisqueo ten que partir dun consenso que, ó seu xuízo, non se dá neste novo colectivo. Así as cousas, o patrón maior da Illa cre que o ideal sería que tódalas confrarías da ría se unan.

O que semella que si se vai unir ó proxecto é o pósito do Grove. Seica no caso da confraría meca está pendente a sinatura dunha acta, un trámite que, en principio, vai quedar resolto o vindeiro día 30 de abril.