Nova polémica polo mal uso do topónimo en Ribeira

RIBEIRA> O BNG denunciará ante Política Lingüística, a Valedora do Pobo e o Parlamento Galego o uso no nome deturpado ‘Riveira’, con ‘v’, nos dous letreiros que o Concello vén de instalar nas rotondas de entrada ó municipio. Para os nacionalistas trátase dun novo caso de vulneración da Lei de Normalización Lingüística. Non é a primeira vez que os nacionalistas denuncian o uso do topónimo deturpado Riveira con ‘v’ por parte do goberno local, incumprindo a lexislación vixente en materia de normalización lingüística que recolle como única forma oficial para o nome da localidade Ribeira con ‘b’. por esta razón anunciaron que van a presentar diversas iniciativas no Parlamento de Galicia, na Secretaría Xeral de Política Lingüística e na Valedora do Pobo para tratar de corrixir esta situación. Dende o BNG van máis alá ó sinalar que este caso é un exemplo máis da irresponsabilidade do goberno municipal que inviste cartos públicos na vulneración das leis.