Emprender xa é máis sinxelo en Ribadumia

RIBADUMIA> Emprender é agora máis fácil en Ribadumia. O concello vén de recibir a distinción da Xunta de Galicia e a Fegamp; un proxecto que trata de incentivar a atracción de empresas e negocios ao territorio con bonificacións fiscais. Ribadumia convértese así no primeiro concello da comarca do Salnés en ter esta distinción, e no quinto da provincia de Pontevedra.

O concello de Ribadumia convértese no abanderado do emprendemento de O Salnés. O municipio xa é o primeiro “Concello Emprendedor” da comarca, tras recibir a distinción concecida pola Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

O proxecto ten como obxectivo incentivar a atracción de empresas e negocios no territorio, a través de mecanismos como bonificacións fiscais ou a simplificación de trámites administrativos. Tamén Ribadumia terá preferencia no acceso a axudas da Xunta.

A nivel provincial, trátase do quinto concello que consegue este distintivo, a través do programa Concellos Doing Business. Dende o municipio entenden este título como un novo pulo á aposta que xa comezaran co inicio do seu mandato.

Cambados e Vilanova son os outros concellos da comarca que están a dar os primeiros pasos para converterse en Emprendedores.