A Xunta reúne a 12 municipios para avanzar no Plan de Transporte Metropolitano de Pontevedra

PONTEVEDRA> A Xunta reuniu hoxe na cidade a alcaldes, alcaldesas e concelleiros de 12 concellos da área de Pontevedra para estuda-lo Plan de Transporte Metropolitano.  Segundo o goberno galego, a súa proposta pretende bonificar máis de 2 millóns de viaxes ó ano.

A Xunta reuniu hoxe a responsables de dos concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa para ofrecerlles participar no plan de transporte metropolitano que está deseñando o goberno galego. A conselleira de Infraestruturas entende que o proxecto que presentaron ós municipios é máis que viable e que a súa implantación podería facerse en breve.

A proposta do goberno galego contaría cun orzamento de 1,4 millóns de euros. A Xunta asumiría o 70% do investimento. Para poñer en marcha este plan, o executivo galego entende que ten que haber unanimidade entre todos os municipios implicados. Iso si, a Conselleira entende que de tódolos municipios hai un que é fundamental para que o proxecto vaia adiante: a cidade de Pontevedra.

A Conselleira asegura que acudiu á xuntanza con ánimo construtivo. Esta mañá entregoulles ós concellos un primeiro borrador do posible convenio para a súa análise. A intención da Xunta é que neste mesmo ano 2018 o proxecto xa poida ser unha realidade.