Nenos de Sanxenxo observan en directo un simulacro de rescate no mar

SANXENXO> Unha embarcación incendiada fronte á costa de Sanxenxo, e os seus dous tripulantes rescatadas polos servizos de emerxencia. Non é realidade, senón un simulacro levado a cabo esta mañá fronte á praia de Silgar. Na práctica interveu o helicóptero Pesca 1 e, por terra, varios corpos. Ducias de nenos presenciaron a manobra, nunha xornada para eles moi especial.

Son case as 12 da mañá, o tempo está revolto e o mar tampouco acompaña. Neste contexto, unha embarcación sofre un incendio, o que obriga ó desaloxo dos seus dous tripulantes. Por sorte estámoslles a falar dun simulacro, organizado esta mañá fronte á praia de Silgar, en Sanxenxo.

No exercicio intervén o helicóptero de salvamento Pesca 1, unha embarcación de emerxencias e, por terra, efectivos de diferentes corpos, como a Policía Local e Protección Civil. Un dos tripulantes foi rescatado pola aeronave, o outro evacuado nunha embarcación.

O exercicio serviu como adestramento para enfrontarse a rescates reais. Unha das claves deses operativos é, sen dúbida, a eficacia na coordinación nos corpos, para que ningún imprevisto reste tempo en momentos nos que cada segundo pode ser de vital importancia.

Observando o rescate, dende terra, ducias e ducias de nenos procedentes de diferentes centros educativos de Sanxenxo. A vistosidade da manobra e, sobre todo, a intervención do helicóptero, deixou a máis de un coa boca aberta. Co simulacro rematado con éxito, os rapaces tiveron a oportunidade de ver de preto o Pesca 1  e preguntarlle ós seus pilotos polo seu funcionamento.