María Victoria Moreno, a protagonista do maio das letras

Pontevedra> Maio será o mes das letras por excelencia en Pontevedra, e máis tendo en conta que será unha pontevedresa a homenaxeada o 17 do vindeiro mes. María Victoria Moreno estará presente en multitude de actos que organizan dende o concello de Pontevedra e dende a Real Academia Galega. Un dos primeiros terá lugar este venres co cambio do nome de rúa de Fernández Ladreda que pasará a chamarse rúa María Victoria Moreno.

Co mes de maio a presenza de María Victoria Moreno estará , se cabe, máis latente na cidade. Pontevedra prepárase para organizar un sinfin de actividades centrada na figura desta pontevedresa que será homenaxeada o 17 de maio no día das nosas letras. Unha das primeiras citas terá lugar este venres ás 12 da mañá co acto oficial do cambio do nome da rúa Fernández Ladreda que pasará a chamarse rúa María Victoria Moreno. Ese será soamente un acto pero tamén haberá tempo para a presentación dun documental sobre a súa figura, a presentación dun libro, un concerto adicado a ela o acto oficial que será o 17 de maio no Teatro Principal.

Dende a Real Academia Galega agradeceron esta mañá a colaboración do concello en todas as actividades. A súa presenza estará marcada o día 17 co pleno extraordinario das letras, un acto onde participarán Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.

Dende o concello amosáronse encantados de que a Real Academia Galega elixise a María Victoria Moreno como homenaxeada neste 2018 e agardan que a cidadanía participe notablemente en todos os actos que teñen por diante.

Freixanes, o presidente da Real Academia Galega, para rematar salientou nesta xornada 4 facetas de María Victoria Moreno. Primeiro a súa condición de profesora, segundo a súa condición de escritora , terceiro o seu amor por Galicia e polo galego que ven de fora e por último a súa condición de muller.