A realidade aumentada achega os recursos turísticos aos visitantes

SANXENXO> Todos os segredos dos enclaves turísticos da comarca do Salnés estarán dispoñibles nos teléfonos móbiles dos visitantes. A Mancomunidade instalará en todos os concellos paneis informativos que, ademais da información máis tradicional, recorren á realidade aumentada. A Ermida da Lanzada é o primeiro recurso que hoxe xa estreou esta ferramenta.

Escanear un código QR e descargar a aplicación Salnés AR será suficiente para que os enclaves turísticos da comarca deixen de ter segredos para os seus visitantes. A Mancomunidade está a incluír a realidade aumentada nos seus novos paneis informativos.

O primeiro en contar con esta ferramenta é a Ermida da Lanzada que, ademais, bota man da tecnoloxía bluetooth para achegar novos servizos ao visitante.

A Mancomunidade instalará un destes paneis en cada concello. O Mirador de San Ciprián, en Meaño, a Ponte de Pontearnelas en Ribadumia, o Con do Forno en A Illa, o vilanovés Mirador de Lobeira, a vilagarciá Illa de Cortegada e o Mirador de Siradella, en O Grove, contarán con esta ferramenta. Pola súa banda, Cambados e Meis contarán con dous cada un: a praza de Fefiñáns e a Torre de San Sadurniño, e os Muíños e a Armenteira, respectivamente.

 

A aplicación tamén permitirá acceder de xeito virtual ao interior de edificios de interese que poidan estar pechados no momento da visita.