Pacto en Vilagarcía entre PSOE e BNG para aprobar os orzamentos de 2024

VILAGARCÍA> Fumata branca en Vilagarcía de Arousa. Despois do achegamento de posturas do pasado venres, PSOE e BNG asinaron hoxe o acordo que permitirá dar luz verde aos orzamentos municipais para este 2024. As contas ascenderán finalmente a 39 millóns de euros, contando cun préstamo que van pedir de ao redor de 4 millóns. Ademais, o PSOE cederá ao BNG o seu posto no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. O orzamento irá a pleno o vindeiro mércores 24 de xullo.

PSOE e BNG irán da man para aprobar os orzamentos de Vilagarcía deste 2024. As dúas formacións asinaron este mediodía un acordo que asegura que as contas municipais terán luz verde.

Os orzamentos ascenderán así a 39 millóns de euros. Aos 35 previstos inicialmente sumaranselles ao redor de 4 millóns máis a través dun préstamo, que o concello pedirá para sacar adiante proxectos importantes para a vila.

No marco das negociacións, os nacionalistas aseguran que conseguiron que se atenderan máis do 90% das súas peticións. Por exemplo, a relativa a entrar a formar parte do consello de administración da Autoridade Portuaria. O PSOE cederá o seu posto a un dos concelleiros do BNG. O PP manterá o seu lugar e os socialistas manterán a representación a través do Estado.

O BNG conseguiu incluír tamén que poida contar con persoal de confianza para facilitar o funcionamento do grupo municipal.

As contas serán aprobadas no vindeiro pleno ordinario, que se celebrará o mércores 24 de xullo.