Tres anos para un presuposto de escaso futuro

POBRA> O executivo de Nós Pobra, en minoría, necesita do apoio da oposición para sacar adiante este presuposto. O documento orzamentario, o primeiro dende a súa chegada á alcaldía, ascende 9’6 millóns de euros, o que supón un 38% máis que o último dos orzamentos aprobados no Concello, correspondente o exercicio de 2016, co que se traballaba de xeito prorrogado. En palabras do propio alcalde, Xosé Lois Piñeiro, trátase dun proxecto orzamentario ambicioso, ó ser os presupostos máis altos da historia do Concello, 9’6 millóns de euros. A súa elaboración non foi sinxela, froito dun intenso traballo iniciado xa en novembro, e no que apenas contaron coa colaboración dos grupos da oposición. Boa parte do presupostos irá a gasto de persoal, 3’1 millóns de euros, e a gasto corrente, 2’8, partidas ambas que se ven incrementadas tamén con respecto ó último orzamento aprobado, o de 2016, co que se veu traballando de xeito prorrogado nos últimos anos. Esa suba débese fundamentalmente ó aumento das contratacións como é o caso da técnica de Medio Ambiente, a animadora sociocultural ou a logopeda para o CAD, entre outras. En canto á débeda, dende o equipo de goberno aludiron a que esta se veu reducida significativamente, froito da boa xestión levada a cabo estes anos, deixandoa en 1’3 millóns de euros. En canto a investimentos a partida  ascenderá ós 3’1 millóns de euros. Entre as actuacións máis importantes figuran as destinadas á mellora de viais, pavimentacións e beirarrúas, 470 mil euros; a saneamento e abastecemento de auga, 277 mil euros ou á mellora das instalacións deportivas previstas para a Alta e Cadreche con 400 mil. Dende o Concello estiman un superávit inicial a finais de ano de aproximadamente uns 20 mil euros. Un superavit que estará en parte condicionado pola concesión de dúas importantes subvencións procedentes doutras Administracións que no seu total suman 1’2 millóns de euros para a rehabilitación da Torre Bermúdez e o auditorio Valle-Inclán, e para a renovación do alumeado público para a mellora da eficiencia enerxética.