SANXENXO> Xa está aquí a noite máis curta do ano. En todos os concellos da nosa contorna arderán esta medianoite milleiros de fogueiras. Ante as temperaturas tan elevadas que estamos a sufrir e o risco de incendios, as autoridades fan un chamamento a extremar as precaucións. Dende a Xunta piden tamén gozar da noite dun xeito sostible e respectuoso coa contorna, recollendo e reciclando os refugallos que se xeren. A conselleira de Medio Ambiente fixo este martes un chamamento á responsabilidade da cidadanía dende Sanxenxo. Neste municipio autorizáronse máis de 200 fogueiras.
Noite de San Xoán, a noite máis curta e máxica do ano que, este ano, vén marcada tamén polas altas temperaturas e o alto risco de incendios. Nas Rías Baixas, como no resto do país, serán milleiros as fogueiras que arderán este noite. Por exemplo, só no concello de Sanxenxo autorizáronse 200. Dende este municipio a Conselleira de Medio Ambiente fixo este martes un chamamento á cidadanía á prudencia.
Así que lembran a importancia de non quitarlle ollo ao lume e ter sempre acceso inmediato a auga para sufocalo no caso de que se descontrole. Ao mesmo tempo, dende a Xunta lanzan un decálogo de boas prácticas para que esta tamén sexa unha noite sostible e respectuosa co medio ambiente, para que a cidadanía recolla e recicle os seus refugallos.
Pero o certo é que aos concellos non lles queda outra que organizar operativos especiais para o San Xoán. Aquí en Sanxenxo, unha ducia de operarios encargarase de limpar as praias nas que haberá fogueiras.
O obxectivo do concello é que ás 10 da mañá as praias estean totalmente limpas, para que tamén na xornada festiva veciñanza e visitantes poidan gozar destes areais xa dende primeira hora da mañá.











