‘Cambados Pode’ non apoiará o convenio co Consello Regulador

CAMBADOS> Cambados Pode mantén o pulso na polémica levantada polo horario de peche das casetas da Festa do Albariño. Tralo paso do presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas Juan Gil polo programa FALEMOS desta casa, esta mañá José Ramón Abal anunciou que non subscribirán o convenio co Consello Regulador anunciado o pasado venres pola alcaldesa Fátima Abal. José Ramón Abal insiste en reclamar á rexedora a convocatoria dun pleno para debater a súa moción.

Cambados Pode non subscribirá o convenio co Consello Regulador. Para José Ramón Abal, esta medida anunciada pola alcaldesa Fátima Abal non soluciona a polémica levantada polo horario de peche das casetas da Festa do Albariño. Insiste en que a cuestión ten que pasar polo pleno.

Abal Varela desconfía do contido do convenio. Desvelou que o ano pasado o órgano condicionara o seu apoio á Cidade Europea do Viño ao respaldo do concello do Capítulo Serenísimo. Unha opción que, segundo o edil de Pode, foi desbotado.

Para o voceiro de Cambados Pode, o paso de Juan Gil polo programa FALEMOS desta casa tampouco axudou a despexar as súas dúbidas. José Ramón Abal non cre que o pleno do Consello Regulador, que aprobara o peche das casetas ás 12 e media da noite, vaia respaldar un aumento do horario ata as 3 e media ou 4 da mañá, como asegurou o luns Fátima Abal.