O concello de Boiro acometerá a segunda fase do abastecemento de Bealo

BOIRO> O proxecto que ten previsto acometer o executivo boirense dotará de servizo de abastecemento de auga municipal ós núcleos de Loimar, Beluso, Bealo Aldea, Laxoso San Ramón e Bico de Mar. En total, máis de catro quilómetros e medio de nova rede para dotar deste servizo ás aldeas con maiores problemas para abastecerse durante as épocas de seca. A actuación contará cun investimento de douscentos cincuenta mil euros. Este proxecto vén de dar continuidade á primeira fase acometida durante o pasado exercicio entre o depósito de Cespón e Beluso. Con esta nova actuación, dáse practicamente por concluído o abastecemento en Bealo, un dos proxectos comprometidos polo equipo de goberno para a presente lexislatura.