Os ribeirenses poderán iniciarse na observación astronómica co programa ‘O Camiño das Estrelas’

RIBEIRA> Ribeira busca abrise oco no turismo astronómico. O concello programou para este verán tres xornadas de observación baixo o título ‘O Camiño das Estrelas’. A primeira terá carácter formativo cun taller de iniciación en Oleiros mentres que en xullo e agosto realizaranse observacións teatralizadas en Aguiño e Olveira.

Aínda que o concello de Ribeira xa é destino Starlight grazas a Sálvora, as dificultades para desprazarse ata a illa fan que a observación astronómico non estea suficientemente estendida. Co propósito de que a poboación poida iniciarse nesta afección, que constitúe ademais un importante recurso turístico, o concello oferta este verán ‘O Camiño das Estrelas’ con tres xornadas.  A primeira terá lugar en Oleiros e consistirá nun taller de iniciación e posterior observación.

En xullo e agosto desenvolveranse observacións teatralizadas, co apoio dun equipo de astrónomos, en zonas con pouca contaminación lumínica: a praia da Covasa en Aguiño e o aparcadoiro das Dunas en Olveira.

Son actividades abertas a todo o público, para disfrutar en familia e sen límite de idade. Tan só será preciso anotarse previamente a través do teléfono do departamento de Turismo posto que se establece un límite de 50 prazas por actividade.