Ana Peleteiro é xa Campioa de Europa

RIBEIRA> A atleta ribeirense fíxose co ouro na final de triple salto en pista cuberta nos Campionatos de Europa celebrados esta fin de semana na cidade escocesa de Glasgow, cun salto de 14, 73 metros. Un rexistro co que bateu tamén o récord de España da especialidade.

Sen límites. Ana Peleteiro volveu a superar o listón e proclamouse onte domingo en Glasgow campioa de Europa na final de triple en pista cuberta. A ribeirense logrou a medalla de ouro grazas a un salto de 14’73. Unha marca coa que bateu ademais o récord de España, mellorando en nove centímetros o rexistro de Carlota Castrejana con máis de dez anos en vigor. Foi no cuarto salto, despois de dous primeiros nulos e de acadar no terceiro os 14’56, a súa mellor marca persoal en pista cuberta e tamén ó aire libre.

Os 14’73 do seu cuarto salto non foron superados polas súas principais rivias. Nin a grega Papahristou nin a ucraína Saladukha conseguiron superar o rexistro da ribeirense.

O teito da atleta barbanzá parece non ter fin, superando o listón deixado o pasado ano no que foi bronce no Mundial en pista cuberta. Metal que tamén repetiu no Europeo óaire libre de Berlín. E xa pensa no futuro coa mente posta no Mundial de Qatar.