10 dos 17 acusados por narcotráfico do Coral I recoñecen os feitos

    Pontevedra> 10 dos 17 acusados de narcotráfico pola incautación de 1200 quilos de cocaína no pesqueiro Coral I recoñeceron os feitos, polos que dende hoxe, sentan no bando da Audiencia Provincial de Pontevedra. O outros 7, entre eles Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como O Mulo, negaron a súa participación na rede que introducía droga polas costas galegas procedentes de Suramérica.

    A fiscalía tentou chegar a un acordo con todos os acusados pero finalmente só 10 dos 17 recoñeceron os feitos. Son 9 dos tripulantes do pesqueiro Coral I, no que apreixaron os 1245 quilos de cocaína, e José Gerardo Holguín que facía as funcións de notario nesta trama con suramérica. Agora as partes estudan a posibilidade de introducir como proba documental, así o pretende a fiscalía, un CD con gravacións no momento que fan o traslado á embarcación. Algunhas defensas, como a de Rafael Bugallo, alias O Mulo, solicitan a nulidade de todo o procedemento baseado, dixo esta mañá, nunhas escoitas.

    O fiscal solicita para o Mulo 24 anos de cárcere e unha multa de 425 millóns de euros, para o resto 19 anos e medio, malia que 10 contarán previsiblemente cunha rebaixa da pena logo de confesar a súa culpabilidade, deses 10 3 están en liberdade a día de hoxe. Mañá ás 10:15 da mañá retomarase este xuízo onde rematarán coas cuestión previas e darán comezo aos interrogatorios.