Máis de corenta establecementos participan na ‘Pink Fashion’ de Noia Histórica

NOIA> Noia vivirá este próximo sábado unha nova edición da ‘Pink Fashion’. Na actividade, organizada pola asociación Noia Histórica, tomarán parte máis de corenta establecementos que lle ofrecerán ós seus clientes importantes descontos nas súas compras. A iniciativa vénse desenvolvendo dende hai varios anos con bastante éxito de participación, e dende o ano pasado inclúese tamén na campaña xeral organizada conxuntamente co Concello  de ‘É Primavera en Noia’. Os comercios durante a ‘Pink Fashion’ abrirán ata as once da noite. Durante toda a xornada desenvolveranse un bo número de actividades polas principais rúas do casco urbano da vila na que destacará nesta edición a instalación dun circuíto de parkour. Dende a patronal insisten na necesidade do asociacionismo, xa que é a única fórmula posible para poder desenvolver este tipo de campañas. Para o desenvolvemento desta iniciativa Noia Histórica conta coa colaboración do propio Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, a través da Dirección xeral de Comercio.