O novo goberno de Noia denuncia a existencia de facturas sen consignar por máis dun millón de euros

NOIA> O goberno de Noia denuncia a precaria situación económica do concello. 15 días despois de asumir a xestión municipal comprobaron que o estado das contas é moito peor do agardado. Acumula unha débeda próximo ós seis millóns de euros coa Mancomunidade Serra do Barbanza e outras administracións públicas. Aínda que o máis grave é a entrada de facturas sen consignar por valor de máis dun millón de euros.

Ante esta situación, o novo goberno citará ás empresas para validar a realización dos traballos e servizos prestados que, ademais de carecer de consignación orzamentaria, non contan con contrato nin foron fiscalizadas polo departamento de intervención.

Ademais da situación de endebedamento, dende o executivo denuncian que tan só quedan 600 mil euros no remanente de tesourería, e tódalas partidas agás o pago de salarios están esgotadas, polo que é moi probable que acaben por incumprir o principio de estabilidade financeira.  Dos máis de 4 millóns dos que presumía o anterior goberno, 2 e medio son fondos da ARD polo que só poden destinarse a proxectos turísticos para os concellos da ría da Estrela.

Ademais do desaxuste contable, os responsables do actual goberno denuncian a ineficiente xestión municipal que comprometeu servizos básicos como a limpeza ou a depuración.

Son moitas as licitacións urxentes que están a realizar dende o concello de Noia para garantir a prestación de servizos básicos. Neste sentido, son moi críticos co goberno saínte en materia de xestión.

Denuncian o mal estado de instalacións como a piscina ou o Coliseo Noela, que tivo que ser pechado ó público. Tamén o resultado de obras executadas recentemente como o alumeado da Carcasía que permanece inoperativo ou o albergue da Chaínza que carece de conexións e saneamento. Nesta mesma liña, destacan os problemas da ETAP e da EDAR, a pesar das actuacións que se están a desenvolver na actualidade, insuficientes para resolver os problemas que acumulan. No caso da depuradora denuncian que a instalación non presta ningún tipo de servizo dende que se iniciaron os traballos, vertendo as augas residuais directamente ó mar.