NOIA> Falámoslles agora da polémica existente en Noia pola instalación dunha rampla de acceso á igrexa de San Martiño. Para moitos veciños o deseño elixido non é o máis acaído para este tipo de edificios, catalogado ademais coma Ben de Interese Cultural. Dende o Concello apuntan a que o proxecto foi realizado de acordo coas indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio.
Como vén a polémica está máis que servida. A pé de rúa, en calquera cafetería ou tenda, nas redes sociais…en Noia estes días non se fala doutra cousa. E opinións hainas para tódolos gustos. En contra…pero tamén favorables, debido á necesidade de mellorar a accesibilidade á igrexa parroquial e realizar unha entrada adaptada para persoas con mobilidade reducida.
Dende o Concello respaldan o proxecto que foi aprobado en novembro de 2018 pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que conta co informe favorable da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico, Artístico e Documental da Igrexa. Unha autorización necesaria debido á protección do templo noiés, declarado Ben de Interese Cultural, por ser un dos principais exemplos do estilo gótico mariñeiro en Galicia. Tamén sinalan que a rampla é desmontable e plenamente reversible, e que se respectan os materiais e sistemas construtivos da propia igrexa.