Èxito do congreso sobre crime e misterio celebrado en Noia

NOIA> Éxito de participación no Congreso sobre Crime e Misterio celebrado esta fin de semana en Noia. A cita espertou grande interese grazas ó alto nivel dos poñentes que analizaron diversos aspectos da criminalística; entre eles, o ex ministro do Interior, Jaime Mayor Oreja.

Coa celebración do Congreso ‘Crime e Misterio’ desta fin de semana, Noia consolídase como sede principal da criminalística en Galicia. Tras un primeiro curso celebrado este verán no seo do Campus do Emprendemento e do Saber, o concello decidiu volver apostar por esta temática.

Novamente a organización correu a cargo de Luís Alamancos quen se rodeou nesta ocasión de destacados expertos. Dende o ex ministro do Interior, Jaime Mayor Oreja, ata mandos das forzas e corpos de seguridade, xornalistas, escritores ou xuristas.

Durante as tres xornadas abordáronse aspectos tan variados como a relación do crime coa literatura, a criminoloxía no Camiño de Santiago e mesmo algúns sucesos que marcaron a historia da España como o crime dos Urquijo.

Aínda que, sen dúbida, unha das conferencias que  espertou maior interese foi a do fenómeno ovni na actualidade na que se abordou o caso Manises, o avistamento máis famoso no nos país. O público tivo ocasión de coñecer máis detalle da man dunha testemuña do caso, Fernando Cámara, e mesmo acceder a expedientes desclasificados nos 90.

O bo sabor de boca que deixa esta edición xa fai pensar na súa continuidade de cara a próximos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí