Máis de catrocentas motos concentraranse na Pobra esta fin de semana

POBRA> Os amantes das dúas rodas terán unha cita esta vindeira fin de semana na Pobra coa celebración da sexta edición da concentración moteira ‘Sinfrenos’. A actividade, organizada polo Motoclub Sinfrenos, desenvolverase en dúas xornadas, o sábado 12 e o domingo 13, con múltiples actividades previstas, entre elas unha exhibición de stunt o sábado ás oito da tarde na rúa Castelao a cargo da piloto pontevedresa Corredoira Stunrider. Dende a organización agardan a que todo saia sobre o previsto e que o tempo acompañe, cunha estimación de participantes que podería rondar as catrocentas motos. A maioría delas da comarca, aínda que tamén doutros puntos de Galicia e mesmo doutras comunidades próximas como é o caso de Asturias ou País Vasco, así como tamén Portugal. Tamén apuntan á importancia da actividade, xa que ademais de aumentar a oferta lúdica na fin de semana, repercutirá positivamente na economía dos negocios locais.